O Aircargobooking Ourense vence ao Real Betis Baloncesto cun Pazo volcado

O Pazo dos Deportes Paco Paz foi testemuña dun auténtico espectáculo baloncestístico na noite de hoxe, onde o Aircargobooking Ourense logrou unha importante vitoria ante o Real Betis Baloncesto por 94 a 86, na xornada 13 da Primeira FEB. O partido foi moi disputado, a intensidade e o apoio da afección local convertéronse en factores determinantes para o triunfo ourensán.
O encontro comezou cun Real Betis moi inspirado no primeiro cuarto. O conxunto visitante mostrou un puntiño máis de intensidade e aproveitando despistes defensivos do Ourense conseguiu pechar os primeiros dez minutos cun marcador favorable de 22-30.
No segundo cuarto, os xogadores do Aircargobooking Ourense elevaron a súa intensidade defensiva e lograron mellorar a súa circulación de balón. Este cambio de dinámica permitiulles remontar o marcador parcial cun 25-16, marchando ao descanso cun punto de vantaxe (47-46) e coa confianza en alza.
Tras a pausa, o terceiro cuarto transformouse nun intercambio de golpes constante, onde ambos equipos mostraron as súas mellores versións ofensivas. O Ourense, liderado por un inspirado xogo colectivo, con Unai Mendikote á cabeza, conseguiu impoñerse cun parcial de 27-24, mantendo unha pequena vantaxe antes do último cuarto.
Nos derradeiros dez minutos, a presión da bancada local foi clave para empurrar ao equipo cara á vitoria. O Aircargobooking Ourense continuaba medrando dende a defensa, e terminaba de desesperar a un Betis que non conseguía anotar con facilidade, nin dende a pintura nin dende o perímetro. Nos últimos intres unha tripla de Diogo Brito sentenciaba o partido e cun parcial de 20-16, aseguraron o triunfo final por 94-86, deixando claro que é moi difícil derrotar ao equiPAZO.
Esta vitoria non só é unha máis no casilleiro para o Aircargobooking Ourense, senón que demostra que este equipo pode ganarlle a calquera e reafirma a conexión especial cos seus seareiros, que demostraron ser o sexto xogador nunha noite para lembrar.
O próximo encontro será o próximo domingo ante Monbus Obradoiro en Santiago no que podes con nós. Reserva a túa praza e non te quedes sin ela.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación.