Derrota competida en Son Moix ante o Fibwi Palma
O Club Ourense Baloncesto caeu na pista do Fibwi Palma (83–76) nun encontro igualado, intenso e cheo de alternancias, no que o equipo de Moncho López competiu ata o último minuto pero non puido culminar a remontada final. O bo partido ofensivo de Gabe Kalscheur e o traballo interior de Kingsley Okanu e Romaro Gill sostiveron ao COB durante todo o choque, mais o acerto local nos instantes decisivos acabou marcando a diferenza.
O encontro arrancou cun Fibwi Palma moi agresivo en defensa, que rapidamente colleu vantaxe (11–5), obrigando a Moncho López a parar o xogo. A reacción foi inmediata: un triplo de McDonnell, a presenza interior de Gill e o acerto de Kalscheur déronlle a volta ao marcador. Co COB máis cómodo, Jurgens e Okanu estiraron a distancia ata o 17–22, aínda que os baleares pecharon o primeiro cuarto achegándose (20–22).

O segundo período mantivo o mesmo guión, con alternativas constantes. McDonnell, Smith e especialmente un activo Martín Fernández sostiveron o ataque ourensán, mentres Palma respondía con rapidez en transición. O COB chegou a poñerse por diante en varias ocasións, pero os locais castigaron cada desaxuste. Unha canastra final de Isaac Vázquez deixou o encontro totalmente aberto ao descanso (40–41).
Tras o paso por vestiarios, Palma tivo o seu mellor momento. Un parcial de saída permitiulles coller aire (49–46) e provocar un novo tempo morto de Moncho. O COB resistiu grazas ás accións interiores de Gill, ao descaro de Huguet e a un Kalscheur que asumía tiros importantes. Smith sumou dende o perímetro e Gabe mantivo ao equipo con vida ata o final do cuarto (59–57).

No último período, Palma volveu golpear primeiro, pero o COB non desapareceu: un triplo de Kalscheur e un excelente tramo ofensivo de Martín Fernández e Okanu devolveron o empate (64–64). O partido entrou entón nun intercambio constante de golpes, con Gill impoñéndose na pintura e Gabe aparecendo unha e outra vez para responder ao acerto local. Un novo triplo de Kalscheur poñía o COB por diante (71–73), pero Palma reaccionou con rapidez e entrou nos últimos dous minutos mandando. O conxunto ourensán tentou a remontada tras o último tempo morto de Moncho López, pero Palma mantivo o acerto nos instantes decisivos e pechou o encontro dende o tiro libre ata o 83–76 final.
O COB viaxa agora a Ibiza onde o martes terá o choque de Copa ante Class Basquet Sant Antoni.
Fotos: Frederic Pons








