Martín Iglesias, forza galega para o xogo interior

O Club Ourense Baloncesto continúa a confeccionar o seu plantel para a tempada 2025/26 e faino cun reforzo de garantías na pintura. O interior Martín Iglesias Fernández (Vigo, 10/01/2004, 2,04 m) únese ao noso equipo tras unha prometedora traxectoria nas categorías inferiores do FC Barcelona e unha última tempada destacada en Segunda FEB.
Formado nos seus inicios no CB San José de La Guía e no Porriño Baloncesto Base, Iglesias chamou axiña a atención polos seus recursos ofensivos e o seu físico dominante, o que lle valeu o salto á canteira do FC Barcelona con apenas 14 anos. Alí formouse durante cinco tempadas, alternando o equipo júnior e o filial en Liga EBA, nun contexto de alta esixencia competitiva.
No verán de 2023 deu o salto á LEB Plata da man do Lobe Huesca La Magia, onde asinou unha excelente tempada con medias de 11,5 puntos, 7,3 rebotes e 15,9 de valoración en 28 minutos por partido, converténdose nun dos interiores máis sólidos da competición.
A nivel internacional, Martín foi internacional coa Selección Española en categorías U16, U18 e U20, proclamándose campión de Europa U18 en 2022, nun torneo no que tivo unha participación activa. Tamén formou parte das listas previas da selección U20 no pasado verán.
Con tan só 21 anos, chega a Ourense para seguir medrando e consolidarse como unha referencia interior na liga. Desde o club celebramos a súa incorporación e confiamos en que o seu traballo, intensidade e talento contribúan a un proxecto ambicioso que latexa cada vez con máis forza.
AS VERBAS DE MONCHO
Martín Iglesias ocupa as posicións de pivot e alapivot e queremos que faga isto na nosa equipa. É un xogador moi xove pero xa ten dous anos de experiencia na Segunda FEB baixo as ordes dun adestrador tan esixente tacticamente como o é Rafa Sanz. Creo que Martín nos traerá moita enerxía, presenza física e moito coñecemento do xogo. O que máis me chamou a atención del é a súa capacidade para xogar sen balón e xerar a partir dun bo spacing. Transmitiume moita ilusión por estrenarse na Primeira FEB e poder xogar coa camisola do COB.
Benvido á familia, Martín!
VOLVEREMOS E TI XA ESTABAS