Sergi Huguet, visión de xogo e futuro para o COB

19 de Junio del 2025
Comparte

O Club Ourense Baloncesto continúa perfilando o seu plantel para a tempada 2025/26 e anuncia a incorporación do escolta balear Sergi Huguet Carrasco (Palma de Mallorca, 31/08/2002, 1,95 m), que chega ao club coa intención de aportar calidade, enerxía e ganas.

Formado nas categorías inferiores do CB Sant Josep e o Bahía San Agustín, Huguet destacou desde novo polo seu talento ofensivo e a súa capacidade para xerar vantaxes no xogo exterior. Debutou en categoría sénior na Liga EBA co equipo vinculado ao Bahía San Agustín na tempada 2019/20, asinando medias de 13,4 puntos e 6,7 rebotes por encontro.

No 2020 dá o salto á LEB Oro da man do Palmer Alma Mediterránea Palma, onde milita durante dúas tempadas, consolidándose como unha das promesas do baloncesto español. O seu rendemento atrae a atención de equipos ACB e, no verán de 2021, é fichado polo Monbus Obradoiro, co que chega a debutar na Liga Endesa o 30 de outubro dese ano ante o Gran Canaria.

Na tempada 2022/23, Huguet é cedido ao Melilla Baloncesto (LEB Oro), onde disputa 28 partidos con medias de 5,2 puntos e 1,4 rebotes en 15 minutos por partido. En febreiro de 2024, únese ao Grupo Ureta Tizona Burgos, tamén en LEB Oro, aínda que unha lesión de cadeira obrígao a frear a súa progresión. Xa recuperado, volve xogar no Palmer Basket Mallorca (Segunda FEB) na campaña 2024/25, amosando unha notable melloría física e madurez no seu xogo.

No ámbito internacional, Sergi Huguet conta cunha ampla traxectoria coas categorías inferiores da Selección Española. Foi preseleccionado para o Mundial sub-19 e formou parte do equipo que conquistou a medalla de ouro no Europeo sub-20 de 2022 en Montenegro, amosando o seu potencial a nivel continental.

Con só 22 anos, o novo xogador do Club Ourense Baloncesto chega á cidade das Burgas co obxectivo de seguir medrando como profesional e contribuír ao crecemento do proxecto do club.

AS VERBAS DE MONCHO

Sergi Huguet é un xogador que naturalmente ocupa a posición de escolta pero coa nosa maneira de xogar tamén pode participar como aleiro. O que máis se pode destacar de Sergi é a súa capacidade anotadora dende a liña de tres tanto en posición estática como na saída tras bloqueo. É un xogador cun IQ baloncestístico moi alto, cun compromiso e traballo que nos fará ser mellores día a día xa no adestramento. Ten experiencia e coñece a liga a pesar da súa xuventude e ven con fame de triunfar con nós.

Benvido a Ourense, Sergi!

VOLVEREMOS E TI XA ESTABAS

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar