Gabe Kalscheur: funk, defensa e triplas para o COB

12 de Julio del 2025
Comparte

O Club Ourense Baloncesto incorpora para a tempada 2025/26 ao escolta estadounidense Gabe Kalscheur, xogador nado en Minnesota que chega procedente dos Nürnberg Falcons, da ProA alemá, segunda categoría do baloncesto do país.

Kalscheur (1999, 1,93 m) formouse na NCAA, cun destacado paso polas universidades de Minnesota e Iowa State, onde se consolidou como un dos tiradores máis fiables da Big 12. Xa en Europa, a súa primeira experiencia profesional foi en Alemaña, onde asinou unha boa tempada cos Falcons. Na última campaña disputou 34 partidos, cunha media de 14,1 puntos, 2,3 rebotes e 1,4 asistencias en 28 minutos por encontro. Destacou pola súa eficacia no tiro exterior (32,7 % en triplas), a súa seguridade desde o tiro libre (88 %) e a súa capacidade para contribuír no xogo sen necesidade de monopolizar o balón.

Destaca, moi positivamente, a súa combinación de capacidade anotadora, experiencia universitaria ao máximo nivel e rápida adaptación ao baloncesto europeo. Trátase dun xogador cun bo físico, intenso en defensa, fiable no lanzamento e cunha ética de traballo que encaixa á perfección co perfil que busca o corpo técnico.

Con esta fichaxe, o COB reforza a súa liña exterior cun xogador versátil, que achega puntos, orde e carácter competitivo a un vestiario que segue tomando forma con ambición para a tempada 2025/26.

AS VERBAS DE MONCHO

“Gabe é un xogador talentoso e experimentado, formado en dous dos programas máis competitivos do baloncesto universitario norteamericano, e xa leva dúas tempadas como profesional. Destaca por unha mentalidade defensiva excelente: é intenso, firme e sempre disposto a asumir o reto de frear ao mellor exterior rival. A nivel ofensivo, destaca pola súa intelixencia sen balón e polo seu compromiso colectivo. Ademais, combina solidez física, disciplina táctica e un tiro exterior fiable que o converten nun xogador moi completo e versátil. No noso sistema de xogo poderá actuar en todas as posicións exteriores, sendo a de escolta a principal e a de aleiro a secundaria”.

Benvido Gabe

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar