Cobista de Honra | O Club Ourense Baloncesto homenaxeará a Pepe González

07 de Noviembre del 2025
Comparte

O Club Ourense Baloncesto pon en marcha unha iniciativa de recoñecemento chamada “Cobista de Honra”, coa que pretendemos honrar a persoas, colectivos e entidades que, dende diferentes ámbitos —deportivos, sociais, culturais ou comunitarios— contribuíron ao desenvolvemento, á identidade e ao orgullo de Ourense e da súa provincia.

Trátase dun agradecemento público a quen, co seu traballo e dedicación, sumou valor á nosa sociedade e deixou pegada na vida da xente.

Dentro deste marco, mañá o club renderá homenaxe a José González González (Ourense, 1958), coñecido popularmente como Pepe González, quen se xubilou o pasado 26 de setembro tras máis de corenta anos dedicados á radio, especialmente en Radio Ourense – Cadena SER.

Un referente da comunicación local e da vida da cidade

Pepe desenvolveu a súa carreira cunha identidade propia: proximidade, ética, respecto e vocación de servizo público. Ao longo de décadas estivo presente en eventos sociais, culturais e deportivos, acompañando xeracións enteiras dende o outro lado do transistor e converténdose nunha voz que forma parte da memoria colectiva de Ourense.

O seu traballo representa ese valor humano e comunitario que queremos recoñecer con este distintivo, co que celebramos a todos aqueles que fan provincia cada día.

O acto, antes do comezo do partido

A homenaxe terá lugar mañá, tres minutos antes do inicio do encontro, momento no que Pepe será nomeado oficialmente Cobista de Honra, acompañado pola afección do Pazo.

O Club Ourense Baloncesto invita a toda a familia cobista e á cidadanía a compartir este momento e a render tributo a quen fixo da comunicación unha forma de servir á súa terra.

GRAZAS PEPE. O Pazo é, e será sempre, a túa casa.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar