O Cloud.gal Ourense Baloncesto leva o derbi nun Pazo entregado que empurrou ata o final

O Club Ourense Baloncesto levou o derbi nun partido inesquecible no Paco Paz, superando ao seu rival por 96–93 nun encontro cheo de intensidade, alternativas e emoción ata o último segundo. Cunha afección absolutamente entregada, que levantou ao equipo nos momentos difíciles e empurrou aínda máis nos bos, o COB asinou unha vitoria de carácter, corazón e orgullo.
O partido comezou cun derbi fiel ao que esixe a cita: igualdade, tensión e máxima intensidade. O COB respondeu ás primeiras vantaxes visitantes coa achega de Rafa Lisboa, Sean McDonnell e o acerto exterior de Diogo Seixas, mantendo o pulso nun primeiro cuarto moi disputado, no que ningún equipo conseguía abrir fenda e que deixou claro que o encontro se decidiría nos detalles. Porén, varias perdas de balón nos minutos finais permitiron ao Obradoiro asinar un parcial que lle deu unha lixeira vantaxe ao remate do período.

No segundo período cada acción defensiva era celebrada e cada canastra local multiplicaba o ruído nas bancadas. Sergi Huguet, Gabe Kalscheur —cun espectacular 3+1—, Isaac Vázquez e Romaro Gill sostiveron ao equipo, que chegou ao descanso cunha desvantaxe mínima (43–49) e coa sensación de que o partido estaba completamente aberto.
Tralo paso polos vestiarios, o COB deu un paso adiante. Diogo Seixas abriu o cuarto cun triplo que fixo levantar ao Pazo e o equipo comezou a medrar co liderado de Rafa Lisboa, a presenza interior de Kingsley Okanu e o acerto de Kentwan Smith. O COB foi reducindo diferenzas ata completar a remontada e entrar no último cuarto cun marcador axustado (67–68), deixando todo preparado para un final de infarto.

E o último cuarto foi puro derbi. Isaac Vázquez, con dous triplos consecutivos, desatou a tolemia nas bancadas e o partido converteuse nun intercambio de golpes constante. Cada empate era respondido, cada vantaxe defendida con alma. Rafa Lisboa, Sean McDonnell e Gabe Kalscheur asumiron a responsabilidade nos momentos decisivos, e cando o rival apertaba, apareceu un triplazo de Kalscheur a falta de 1:45 que fixo estoupar o Paco Paz.
Xa nos instantes finais, coa tensión ao máximo, Rafa Lisboa mostrou sangue fría dende a liña de tiros libres para asegurar a vitoria, mentres a afección acompañaba cada segundo ata o definitivo 96–93. Un triunfo que vale máis ca dous puntos.

Un derbi gañado con carácter, corazón e unha afección que nunca deixou de crer. O Paco Paz volveu demostrar que, cando ouvea xunto ao equipo, é un auténtico fortín.
Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación
VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS
Fotos: Brenda Castro








