DSC08181

O Cloud.gal Ourense lévase a vitoria ante o Melilla Baloncesto

O Cloud.gal Ourense sumou un importante triunfo na súa visita ao Melilla Baloncesto nun encontro que foi de menos a máis e no que o equipo soubo impoñer o seu ritmo na segunda metade para acabar levando a vitoria con solvencia.

O partido comezou con bo ton para os de Moncho López, con Okanu e Sean anotando as primeiras canastras. Con todo, o conxunto local respondeu cun parcial que lle permitiu tomar vantaxe e obrigou a parar o encontro. A partir de aí chegou a reacción visitante: Gabe desde o perímetro, xunto ás achegas de Carlos, Sergi Huguet e un gran tramo de Martin Fernández, permitiron darlle a volta ao marcador. Iglesias, con presenza na pintura, completou a remontada para pechar o primeiro cuarto por diante (19-24).

No segundo período, o encontro mantivo a igualdade. O Melilla conseguiu poñerse de novo por diante, pero o Cloud.gal Ourense respondeu con acerto. Rafa apareceu cun triple clave, mentres Okanu, Isaac e Sean sumaban para manter ao equipo no partido. Nos últimos minutos, o conxunto local volveu estirar a renda, pero un triple de Gabe e outro de Isaac sobre a bucina deixaban o marcador nun axustado 50-48 ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o Cloud.gal Ourense deu un paso adiante. Sean, Sergi e Gabe lideraron o ataque nos primeiros compases, mentres Carlos e Martin Fernández aportaban consistencia. Rafa, con acerto exterior, e Vrabac, permitiron ao equipo tomar o control do encontro e pechar o terceiro cuarto cunha vantaxe de cinco puntos (68-73).

No último período, o Cloud.gal Ourense mostrou a súa mellor versión. Jurgens abriu o cuarto e, a partir de aí, o equipo soubo xestionar a vantaxe con madurez. Isaac foi clave en ataque, ben acompañado por Gabe e Sean, mentres Iglesias e Rafa tamén sumaban en momentos importantes. O equipo mantivo a concentración, controlou o ritmo e foi ampliando a diferenza ata o definitivo 84-93.

Vitoria de mérito dun Cloud.gal Ourense que soubo sobrepoñerse aos momentos complicados e que mostrou unha gran solidez na segunda metade para levar un triunfo importante fóra da casa.

Fotos: Pablo Montero Moreno 

Fotografía .