J3 – COB vs Cantabria-7

O Club Ourense Baloncesto cae ante o Grupo Alega Cantabria nun partido marcado polo acerto visitante

O Club Ourense Baloncesto non puido sumar a terceira vitoria consecutiva na Primeira FEB e caeu por 86-101 ante o Grupo Alega Cantabria no Pazo dos Deportes Paco Paz. O conxunto de Moncho López comezou dominando o encontro, pero os visitantes reaccionaron no segundo cuarto e foron ampliando a diferenza ata levar o triunfo.

O COB comezou ben, apoiado no acerto ofensivo de Zidek e Martín Fernández. O triplo de Zidek abriu unha primeira vantaxe e, coas achegas de Russell e Marc García, os de Moncho López conseguiron dominar o primeiro cuarto. Unha acción destacada de Marc García, que roubou o balón, superou o seu defensor e asistiu sen mirar a Sean McDonnell para que anotase un 2+1, fixo vibrar o Pazo. Os locais chegaron a mandar por once puntos, pero o Grupo Alega Cantabria reaccionou no treito final do período para pechar os primeiros dez minutos cun 28-21.

No segundo cuarto cambiou a dinámica do encontro. O COB mantivo inicialmente a vantaxe, pero o conxunto cántabro foi recortando distancias ata darlle a volta ao marcador. O tempo morto solicitado por Moncho López non conseguiu frear a reacción visitante, que atopou continuidade no seu xogo ofensivo e foi abrindo diferenzas. Un triplo de Russell serviu para cortar momentaneamente a xeira rival, mais o Grupo Alega Cantabria volveu tomar a iniciativa e marchou aos vestiarios cunha vantaxe de once puntos (41-52).

Tras o descanso, o COB intentou reaccionar da man de Oroz, Leimanis e Pinedo, pero o conxunto visitante continuou a castigar cada intento de achegamento. A diferenza foi medrando durante o terceiro período, no que os cántabros atoparon puntos con regularidade e ampliaron a súa vantaxe. Marc García e Pinedo trataron de manter os ourensáns no partido, pero o Grupo Alega Cantabria pechou o cuarto cun claro 61-79.

No último período, o COB non deixou de competir e seguiu buscando o aro rival. Marc García, Martín Fernández, Zidek e Sean McDonnell sumaron puntos para os locais, que tamén atoparon en Russell un dos seus referentes ofensivos. Porén, o Grupo Alega Cantabria mantivo a súa eficacia e respondeu a cada intento de reacción ourensá, conservando unha marxe suficiente ata o final. O marcador definitivo, 86-101, reflectiu a superioridade visitante na segunda metade.

O Club Ourense Baloncesto buscará reencontrarse coa vitoria na próxima xornada da Primeira FEB, de novo no Pazo dos Deportes Paco Paz. Será o próximo venres ás 21:00 horas ante o Lucentum Alicante, nun novo compromiso no que os ourensáns tentarán converter o apoio da súa afección nun impulso para volver sumar.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Fotografía .