WhatsApp Image 2026-11-19 at 20.25.41 (2)

O Club Ourense Baloncesto pechou a súa participación na Copa España tras ceder este xoves no Pazo dos Deportes Paco Paz diante do Palmer Basket Mallorca por 79-83. O encontro de oitavos de final decidiuse nos últimos segundos despois de que o conxunto ourensán remara case sempre a contracorrente.

O choque comezou igualado, con intercambio de canastras protagonizado por Martín Fernández e Marc García no bando local. O COB mantivo o pulso durante boa parte do primeiro cuarto e chegou a poñerse por diante cunha tripla de Ses Russell (17-15), pero o equipo balear atopou acerto exterior no treito final do período para abrir a primeira fenda (19-24).

No segundo acto, os de Moncho López reaccionaron de saída. Unha canastra de Jan Zidek e un roubo con anotación de Xabi Oroz devolveron o empate ao marcador (24-24). Con todo, o Palmer Basket Mallorca recuperou o control do ritmo e obrigou a Moncho López a pedir tempo morto co 27-31. Cando os visitantes estiraron a renda ata os seis puntos (29-35), emerxeu Martín Fernández con sete puntos consecutivos para darlle a volta ao electrónico (36-35) e forzar o tempo morto de Iñigo Núñez. O parón sentou mellor ao conxunto mallorquín, que pechou a primeira metade cun parcial de 2-10 para marchar aos vestiarios coa máxima diferenza ata o momento (38-45).

Tras o descanso, o COB buscou recortar diferenzas apoiado no acerto de Marc García, que asinou oito puntos case seguidos para manter o equipo no partido. Unha tripla do propio García e dous tiros libres de Pinedo devolveron as táboas ao marcador (52-52), e Zidek volveu empatar pouco despois (55-55). De novo, o cadro balear atopou resposta ofensiva para frear a remontada local e encarar o último cuarto con cinco puntos de vantaxe (62-67).

No período definitivo, o Palmer Basket Mallorca soubo xestionar a súa renda diante dun COB que non deixou de pelexar. Un parcial visitante puxo o 65-74 e levou a Moncho López a deter o encontro. A reacción ourensá chegou dende o perímetro, con tres triplas de Marc García, Jan Zidek e Sean McDonnell que apertaron o marcador ata o 74-79. Nos últimos instantes, dúas canastras seguidas de Zidek deixaron o 78-81 no electrónico, pero o equipo mallorquín non fallou no peche e sentenciou a eliminatoria co definitivo 79-83.

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación

Fotografía .