O Club Ourense Baloncesto continúa dando pasos firmes na construción do seu proxecto para a tempada 2026/2027 e anuncia a incorporación de Jan Zidek (Praga, 13 de decembro de 1999), ala-pivote checo de 2,04 metros que chega procedente do CB Tizona Burgos, equipo co que completou unha notable tempada en Primeira FEB.
A súa chegada volve evidenciar o intenso traballo que o club está a desenvolver nestas primeiras datas do verán, avanzando con determinación na configuración dun plantel competitivo e ambicioso para o novo curso.
Internacional absoluto coa selección da República Checa e formado nas categorías inferiores do USK Praha, Zidek deu o salto ao baloncesto universitario estadounidense en 2019, iniciando unha etapa de crecemento competitivo que o levou a disputar catro tempadas na NCAA con Pepperdine University antes de completar a súa formación na Universidade de Chattanooga.
Tras a súa chegada ao baloncesto español no verán de 2024 ás filas de Club Bàsquet Sant Antoni, o interior checo consolidouse rapidamente como un xogador de enorme proxección. O pasado curso, xa nas filas do CB Tizona Burgos en Primeira FEB, disputou 31 encontros, asinando medias de 10 puntos, 2,3 rebotes e 9,8 créditos de valoración en 16 minutos por partido, con excelentes porcentaxes de acerto (63% en lanzamentos de dous, 45% en triplas e 82,2% desde o tiro libre).
Máis alá dos números, Zidek foi un dos nomes propios do gran tramo final de tempada do conxunto burgalés, elevando notablemente o seu nivel competitivo e converténdose nunha peza determinante no crecemento colectivo do equipo nos momentos decisivos do curso. A súa capacidade para abrir o campo, a súa mobilidade e a súa versatilidade ofensiva convérteno nun perfil de enorme valor para o proxecto ourensán.
As verbas de Moncho López:
“Jan Zidek é un ala-pivote cun perfil claramente moderno: aberto, con tiro exterior fiable e capacidade para xogar tanto de ‘4’ como de ‘5’. Formado na NCAA e con experiencia recente en España, destaca pola súa lectura ofensiva e polo spacing que é capaz de xerar no campo.
O seu tiro exterior é probablemente o seu trazo diferencial. Ten unha mecánica rápida e pode castigar desde o triple tanto en situacións de spot-up como saíndo de bloqueos. En Tizona chegou a manter porcentaxes próximas ao 45% en triplas en tramos importantes da tempada.
No noso equipo, Zidek encaixa moi ben nun modelo de xogo dinámico e con ritmo, nunha estrutura que nos permite xogar con catro xogadores abertos, incrementar o volume de triple e xerar máis espazos para bases e exteriores.”
Coa incorporación de Jan Zidek, o Club Ourense Baloncesto suma talento, experiencia e capacidade competitiva para seguir construíndo unha tempada ilusionante.
Benvido ao Pazo, Jan.
#VolveremosETiXaEstabas