O Club Ourense Baloncesto incorpora ao seu proxecto a Toms Leimanis, un base internacional letón cunha ampla traxectoria no baloncesto europeo e unha contrastada experiencia en competicións de máximo nivel.
Formado na canteira do BK Ventspils, un dos clubs de referencia do baloncesto letón, Leimanis foi internacional en todas as categorías inferiores do seu país, logrando a medalla de prata no Europeo U20 de 2013 antes de consolidarse como internacional absoluto con Letonia.
Ao longo da súa carreira competiu nalgunhas das principais ligas europeas, acumulando experiencia en Letonia, Grecia, Bielorrusia, Ucraína, Lituania, México e Islandia. A súa traxectoria inclúe participación en competicións continentais e en torneos internacionais coa selección letoa, converténdose nun xogador contrastado e afeito a escenarios da máxima esixencia.
En España defendeu as camisetas do CBC Valladolid, Movistar Estudiantes e Monbus Obradoiro, onde se consolidou como un dos bases máis fiables da categoría. Paralelamente, continúa sendo un habitual nas convocatorias da selección absoluta de Letonia, participando en fases de clasificación para Mundiais e EuroBasket.
Durante a pasada tempada asinou unhas medias de 12,5 puntos por partido, cun notable 40 % de acerto no lanzamento de tres puntos e 3 asistencias por encontro, confirmándose como un dos xogadores máis determinantes na dirección de xogo.
Moncho López valorou moi positivamente a incorporación do internacional letón:
«A chegada de Toms permítenos dar un paso adiante como equipo. É un xogador que demostrou ao longo de toda a súa carreira unha gran capacidade para adaptarse ás necesidades de cada momento. En función das esixencias competitivas que tivo, asumiu roles diferentes, sendo nalgúns equipos unha referencia anotadora e noutros exercendo máis como director de xogo. Esa versatilidade é unha das características que máis valoramos.»
«Para calquera adestrador é unha satisfacción traballar cun xogador importante nunha selección como a de Letonia. É un país que nos últimos anos deu un paso adiante moi importante e Toms formou parte dese crecemento. A súa experiencia e o seu coñecemento do xogo son un activo para o equipo.»
«Ademais da súa calidade, é un xogador que coñece perfectamente a competición. Disputou play-off de ascenso e estivo presente nunha Final Four con diferentes equipos, polo que sabe cal é o camiño e que esixe unha tempada deste nivel. Cando queres construír un equipo competitivo é importante incorporar xogadores que xa viviron esas situacións.»
«Para gañar, axuda moito ter xogadores como Toms. Xogadores que coñecen o camiño, que saben interpretar o que necesita o equipo en cada momento e que entenden que o talento individual sempre debe estar ao servizo do colectivo. Estamos moi ilusionados coa súa chegada e convencidos de que a súa experiencia e a súa capacidade competitiva farannos mellores.»
Estamos desexando verte defender as nosas cores.
Benvido ao Pazo, Toms!!