O novo xogador do Club Ourense Baloncesto foi presentado nas instalacións de Galiocio, que será o seu padriño durante a tempada
O Club Ourense Baloncesto presentou este martes a Toms Leimanis como novo xogador do equipo nun acto celebrado nas instalacións de Galiocio, entidade que, por terceiro ano consecutivo, acompaña ao club e que exercerá como padriño do xogador e da mascota do COB.
O acto contou coa presenza do novo xogador e do adestrador, Moncho López, que destacou a calidade e a experiencia de Leimanis, un xogador con pasado en equipos como Valladolid, Estudiantes e Obradoiro e que chega a Ourense avalado por un importante percorrido no baloncesto profesional.

«Para nós é un luxo ter aquí a Toms», sinalou Moncho López, que explicou que o xogador levaba tempo na órbita do club. «Cando Sergio Pérez me falou de Toms, o consenso foi inmediato. É ese tipo de xogador que, cando vas ao mercado, tes que intentar incorporar ao teu plantel».
Leimanis explicou que unha das principais razóns que o levaron a aceptar a proposta do COB foi a reputación do club e do seu adestrador, así como o seu desexo de regresar ao baloncesto español.
O novo xogador deixou claro tamén cal será a súa prioridade durante a tempada: o colectivo por riba de calquera obxectivo individual.
«Quero axudar o equipo a conseguir os seus obxectivos. Se é chegar á Final Four ou aos playoffs, ese será o principal. Sempre fun un xogador de equipo: primeiro está o equipo e despois os obxectivos individuais», afirmou.
Leimanis coñece ben a competición española e agarda unha tempada de máxima esixencia. «Cada ano a competición é mellor e máis dura. Todos os equipos medran e espero unha loita moi difícil en cada partido, independentemente de quen teñamos diante. Cada encontro vai ser unha batalla».
Aínda con poucos adestramentos xuntos, Leimanis destacou a boa química que atopou no vestiario desde o primeiro día.
As primeiras sesións de traballo tamén deixaron boas sensacións no novo xogador: «A pesar de levar só uns poucos días adestrando, estamos xogando ben. Creo que é unha forma moi positiva de construír o que virá nas próximas semanas, meses e durante toda a tempada».
Sobre o seu novo adestrador, Leimanis destacou o seu método de traballo, profesionalidade e nivel de esixencia.

«É moi profesional e moi detallista. Pódese ver que ten moita experiencia, non só na categoría, senón tamén coas seleccións nacionais. Iso nótase nos adestramentos, na maneira na que esixe aos xogadores e na importancia que lle dá á concentración. Para min é fácil seguilo e entendelo».
Moncho López explicou tamén os motivos deportivos polos que o COB apostou polo xogador. Nun baloncesto cada vez máis orientado cara á versatilidade, o técnico ourensán considera que Leimanis encaixa perfectamente na idea de xogo do equipo.
«Buscamos un xogador que sexa o 1 e o 2 ao mesmo tempo», explicou López. «É un playmaker que pode conducir o balón, colocar os compañeiros, escoller as xogadas e marcar o ritmo do partido, pero tamén pode xerar vantaxes individuais, finalizar ou converterse nunha ameaza cando outro compañeiro asume a función de creador».
O adestrador tamén puxo en valor a súa capacidade de tiro, tanto desde a liña de tres como desde a media distancia, así como a súa capacidade para interpretar o xogo.
«Non falamos só de velocidade física. Falamos tamén de velocidade de decisión e de velocidade mental. É un rapaz que le moi ben o xogo», destacou López.
O novo xogador do COB quixo rematar cunha mensaxe directa para a afección ourensá, á que considera fundamental para afrontar unha tempada na que cada partido será esixente.
«Imos necesitar a vosa axuda durante toda a tempada. É importante ter sempre un sexto xogador nas bancadas, especialmente nos partidos na casa», sinalou.

«Cada partido vai ser difícil, así que temos que facer do noso pavillón un lugar moi complicado para os equipos que nos visiten. Necesitamos a vosa axuda e espero ver moitos afeccionados do Ourense nas bancadas».
Con Toms Leimanis, o Club Ourense Baloncesto incorpora experiencia, talento ofensivo e versatilidade para un proxecto que afronta a nova tempada coa ambición de competir ao máximo en cada partido e seguir facendo medrar o equipo xunto á súa afección.