COMUNICADO OFICIAL (1)

O Club Ourense Baloncesto e o AD Bosco unen forzas para impulsar o baloncesto ourensán

O acordo vincula o equipo júnior do COB co equipo sénior do AD Bosco e reforza o compromiso do club co crecemento do baloncesto en Ourense e na súa provincia.

O Club Ourense Baloncesto e o AD Bosco alcanzaron un acordo de vinculación entre o equipo júnior do COB e o equipo sénior do AD Bosco, unha iniciativa que nace coa vontade de fortalecer o baloncesto ourensán, favorecer a continuidade deportiva dos mozos xogadores e contribuír ao crecemento dos clubs da nosa cidade e provincia.

Este acordo inicial, extensivo a máis categorías de ambas as formacións, representa un novo paso na aposta do Club Ourense Baloncesto por construír un proxecto que vaia máis alá do primeiro equipo, estreitando lazos co tecido deportivo local e contribuíndo activamente ao desenvolvemento do baloncesto desde a súa base.

Para o COB, é un orgullo poder apoiar os clubs de Ourense e colaborar no crecemento do noso deporte, cunha especial sensibilidade cara ao AD Bosco, unha entidade estreitamente vinculada ás orixes do club e ao lugar que nos viu nacer. Reforzar esta relación supón recoñecer as nosas raíces e reafirmar que o futuro do baloncesto ourensán debe construírse desde a colaboración, o respecto e o compromiso compartido.

O presidente do Club Ourense Baloncesto, Diego González Regueira, destaca a importancia de seguir avanzando nesta liña de traballo:

«O COB ten unha responsabilidade coa nosa cidade e coa nosa provincia que vai moito máis alá do que sucede cada fin de semana na pista. Somos conscientes do que representamos para Ourense e queremos que o noso proxecto sirva tamén para axudar a medrar os clubs que traballan cada día polo noso deporte. Para nós é un orgullo apoiar o AD Bosco, unha entidade vinculada ás nosas raíces, e contribuír a que os nosos mozos xogadores teñan oportunidades para seguir medrando e desenvolvéndose dentro do baloncesto».

O Pazo, aberto aos nenos e nenas do baloncesto ourensán

Como mostra deste compromiso, o Club Ourense Baloncesto anuncia tamén unha nova medida de apoio ao baloncesto de base da nosa provincia.

A partir do próximo partido que dispute o COB no Pazo, todos os nenos e nenas menores de 12 anos que estean federados en clubs de baloncesto ourensáns poderán retirar as súas invitacións para gozar dos encontros do equipo e vivir de preto a emoción do noso deporte.

Con esta iniciativa, o club quere facilitar o acceso dos máis pequenos ao baloncesto de máximo nivel, achegalos ao primeiro equipo e contribuír a que o Pazo siga sendo un espazo de encontro, ilusión e sentimento de pertenza para toda a familia do baloncesto ourensán.

Photograph .