WhatsApp Image 2026-09-19 at 01.45.32

O COB métese na final da As Burgas Basket Cup tras unha gran segunda metade

O Club Ourense Baloncesto xa está na final da As Burgas Basket Cup, o torneo amigable organizado polo propio club e que se está a celebrar na casa. O COB superou ao Oliveirense nun encontro no que foi capaz de impoñer o seu ritmo a partir do segundo cuarto e no que a intensidade do conxunto ourensán acabou marcando diferenzas.

O partido comezou con máxima igualdade. Durante o primeiro cuarto, ambos os equipos competiron de poder a poder, pero o COB deu un paso adiante no segundo período. A maior intensidade defensiva, o ritmo de xogo e o acerto dos ourensáns permitiron abrir unha importante diferenza antes do descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o Oliveirense tentou reaccionar e deixou bos momentos de xogo, demostrando a súa capacidade para mover o balón e o seu perigo desde o perímetro. Con todo, o COB soubo manter o nivel de enerxía e controlar o encontro para asegurar o seu pase á final.

Ao remate, o adestrador ourensán, Moncho López, quixo poñer en contexto a diferenza final e destacou o momento de preparación no que se atopan ambos os equipos.

“O Oliveirense é moito mellor do que mostrou hoxe aquí. Creo que a diferenza non é real. Hai que entender tamén que os momentos de preparación son diferentes: eles levan tres semanas de traballo e nós cinco, e a nosa liga comeza antes ca a deles. Creo que estas cousas tamén tiveron influencia”.

O técnico tamén destacou a capacidade do seu equipo para aproveitar o bo momento do partido: “As cousas empezaron a saír ben e todo o mundo o nota. Iso permitiunos xogar con moita enerxía e moito ritmo”.

O encontro tamén serviu para que Marc e Seixas continuasen acumulando minutos tras os problemas físicos sufridos durante a pretempada.

O adestrador destacou precisamente a polivalencia de Seixas como unha das súas principais virtudes e valorou positivamente o traballo que está realizando o equipo nesta fase de preparación.

Outro dos nomes propios foi Darío, que volveu deixar boas sensacións e achegar puntos nunha nova oportunidade co primeiro equipo.

Moncho López, con todo, quixo poñer o foco no traballo de todo o grupo de xogadores novos que están a formar parte da dinámica do primeiro equipo.

“Darío é parte dun grupo de xogadores novos que estamos coidando. El tivo esta oportunidade pola súa madurez deportiva neste momento, vén de traballar con moi bos adestradores na canteira e está aproveitando as oportunidades”.

O técnico ourensán tamén puxo en valor o traballo de Álex, Álvaro, Dani, Gael, Alejandro, Brais, Fabio e do resto dos xogadores da canteira, sinalando especialmente a Darío e Fabio, que están a ofrecer “un nivel moi alto de adestramento e de traballo” coa primeira plantilla.

O COB xa ten por diante o último reto da As Burgas Basket Cup. Na final agarda un rival de máxima esixencia, un equipo que Moncho López sitúa entre os grandes da categoría.

Malia tratarse dun torneo de pretempada, o feito de disputar a final diante da súa afección dálle un carácter especial ao encontro.

“É un partido de pretempada na casa, moi bonito e especial, no que chegamos á final e queremos desfrutala. É unha final na casa e queremos gañala. Imos intentar que o noso público se sinta moi orgulloso ao final do partido”.

O Club Ourense Baloncesto afrontará así a final da As Burgas Basket Cup coa ilusión de pechar o torneo cun novo triunfo diante da súa afección e continuar avanzando na súa preparación para a nova tempada.

Photograph .