A afección cobista escolleu a Rafa Lisboa como MVP Estrella Galicia da tempada, recoñecendo así o seu peso dentro do equipo e a súa regularidade ao longo de toda a campaña.
O base portugués foi unha das grandes referencias do COB durante o curso, destacando pola súa capacidade para dirixir o xogo, asumir responsabilidades e aparecer nos momentos nos que o equipo máis o precisou. A súa experiencia, lectura de xogo e compromiso convertérono nunha peza fundamental dentro da dinámica do grupo.
Ao longo da tempada, Rafa volveu demostrar o seu liderado sobre a pista, sendo un xogador clave tanto na creación ofensiva como na intensidade competitiva que marcou o día a día do equipo.

Este recoñecemento culmina unha gran campaña individual na que xa fora distinguido como MVP Estrella Galicia dos meses de outubro e decembro, consolidándose como un dos nomes propios da tempada.
O xogador quixo agradecer este premio á afección cobista, aos seus compañeiros e ao corpo técnico, destacando o apoio constante recibido ao longo de todo o ano.
Parabéns, Rafa, polo teu merecido MVP Estrella Galicia da tempada.