EDDYWEB

Eddy Valentino Pinedo, potencia e versatilidade para o proxecto do COB

O COB incorpora ao seu proxecto a Eddy Valentino Pinedo, un interior moderno de 2,03 metros formado entre España e Estados Unidos, que chega para achegar enerxía, físico e versatilidade ao noso xogo interior.

Internacional coas categorías inferiores da Selección Española e campión de Europa en formación, Pinedo comezou a súa traxectoria na canteira do UCAM Murcia CB antes de continuar o seu desenvolvemento en Baloncesto Torrelodones. A súa progresión levouno a cruzar o Atlántico para incorporarse a Sunrise Christian Academy (Kansas), un dos programas de referencia do baloncesto de formación estadounidense, onde se proclamou campión do NIBC Championship.

Posteriormente deu o salto á NCAA, competindo durante dúas tempadas cos East Carolina Pirates da Universidade de Carolina do Este. En 2024 incorporouse aos Saint Francis Red Flash, continuando o seu crecemento nunha das competicións universitarias máis esixentes do mundo.

Durante a pasada tempada asinou unhas medias de 7,2 puntos por partido, cun excelente 59 % de acerto en tiros de dous puntos, ademais de 4,7 rebotes por encontro —2,1 ofensivos e 2,6 defensivos— en 26 minutos de xogo.

Moncho López valorou así a incorporación do novo xogador:

“A fichaxe de Valentino achéganos un xogador cun enorme potencial de crecemento, pero que ao mesmo tempo está preparado para ofrecer rendemento desde o primeiro día en Primeira FEB. A súa traxectoria e a experiencia acumulada nun contorno tan esixente como o baloncesto universitario estadounidense permitíronlle desenvolver recursos e unha madurez competitiva que lle permiten afrontar con garantías este inicio da súa carreira profesional.”

“Nas conversacións que mantiven con el, desde o primeiro momento transmitiunos unha enorme motivación por iniciar a súa carreira no COB e unha gran disposición para traballar e seguir medrando. Esa ambición e esas ganas encaixan perfectamente coa filosofía do club.”

“É un xogador que pode actuar tanto de catro como de cinco, cun elevado coeficiente intelectual baloncestístico e un nivel de competitividade moi alto. Destaca pola súa intensidade, polo seu compromiso e pola súa disposición a facer todo aquilo que o equipo necesite para gañar partidos. Estamos convencidos de que será unha peza importante para nós.”

O xogador defenderá a camiseta do COB durante as dúas próximas tempadas da man de Martín Iglesias e Xabi Oroz, reforzando así a aposta da entidade polo talento novo, o crecemento deportivo e a estabilidade do proxecto.

Benvido o teu novo fogar, Valentino!!

Fotografía.