XABIWEB

Xabi Oroz reforza o proxecto do Club Ourense Baloncesto

O Club Ourense Baloncesto continúa avanzando na construción do seu proxecto para a tempada 2026/2027 e anuncia a incorporación de Xabi Oroz, que chega procedente do Super Agropal Palencia, equipo co que completou unha notable tempada en Primeira FEB, chegando ata a Final Four.

Xabi Oroz é un xogador que representa á perfección a cultura do esforzo e a identidade de equipo. Nado en Azkoitia (Guipúscoa), formouse na canteira do Iraurgi Saski Baloia antes de dar o salto ao Gipuzkoa Basket, club no que desenvolveu gran parte da súa carreira profesional.

Debutou na Liga ACB con tan só 18 anos e foi medrando ata converterse nunha peza fundamental do baloncesto guipuscoano. Durante a súa etapa no Gipuzkoa Basket logrou dous ascensos á máxima categoría do baloncesto español, chegando a disputar preto de 80 partidos na ACB e exercendo ademais como capitán e referente do equipo.

Base de 1,94 metros, destaca polo seu perfil organizador, a súa intelixencia táctica e a súa gran lectura do xogo. Non é só un director de xogo capaz de controlar os ritmos e tomar boas decisións, senón tamén un xogador que achega equilibrio ao equipo. Ao longo destes anos consolidouse como un dos bases máis fiables da categoría, sobresaíndo pola súa capacidade para xestionar posesións e facer mellores aos seus compañeiros.

Xogador con gran criterio na toma de decisións, é capaz de alternar funcións de xerador de xogo e de xogador sen balón. Grazas á súa envergadura pode xogar ao poste contra defensores máis pequenos e xerar vantaxes tanto para el mesmo como para o resto dos seus compañeiros. Ademais, achega rebote para a súa posición e axuda a iniciar transicións. Excelente pasador e considerado un dos mellores defensores da competición.

As verbas de Moncho López:

“Estamos moi satisfeitos coa incorporación de Xabi Oroz ao COB. É un xogador cunha ampla experiencia competitiva, acostumado a render en contextos esixentes e cun gran coñecemento do xogo.

Unha das súas principais virtudes é a súa versatilidade, xa que pode desempeñar diferentes posicións na pista e adaptarse a distintas situacións tácticas. Esa capacidade para achegar en varios roles encaixa perfectamente coa nosa maneira de entender o baloncesto e ofrécenos moitas alternativas dentro do equipo.

Ademais, é un xogador con carácter, compromiso e unha gran ética de traballo, aspectos que consideramos fundamentais para seguir construíndo un grupo sólido e competitivo.”

Coa incorporación de Xabi Oroz, o Club Ourense Baloncesto suma talento, experiencia e capacidade competitiva para seguir construíndo unha tempada ilusionante.

Benvido ao Pazo, Xabi.

Fotografía.