WhatsApp Image 2026-08-18 at 17.20.57

Marc García: «Todo o que falei con Moncho fíxome ver que Ourense era o paso perfecto para a miña carreira»

A presentación contou ademais co apoio de Galleguita, á que o club quixo agradecer a confianza depositada un ano máis no proxecto e que nesta ocasión dará un paso máis na súa vinculación co COB exercendo como padriño do club.

Marc García amosouse moi ilusionado nesta nova etapa en Ourense. O xogador explicou que durante o verán mantivo varias conversas con Moncho López, nas que o técnico lle transmitiu a confianza necesaria para apostar polo proxecto.

«Estou moi contento de estar no COB. Teño moitas ganas de xogar no Pazo e de coñecer á xente e á afección».

Sobre a súa decisión de chegar a Ourense, Marc recoñeceu que a suma de diferentes factores fixo que o COB fose a opción axeitada. As conversacións co adestrador, as boas referencias recibidas, o regreso ao baloncesto español e a estabilidade dun contrato por dúas tempadas resultaron claves.

Tras varias campañas fora de España, o xogador destacou tamén as ganas que tiña de volver a un estilo de baloncesto co que se sente identificado. Marc considera que a adaptación será rápida grazas ao traballo diario e aos seus novos compañeiros.

As súas primeiras sensacións no club tamén están sendo moi positivas. «Síntome cómodo co grupo e atopei un club moi profesional, que está dando facilidades en todo», sinalou entre sorrisos, recoñecendo tamén as habituais maniotas dos primeiros adestramentos.

Unha peza importante para o presente e o futuro

Moncho López destacou durante a presentación a importancia da chegada de Marc García, definíndoo como unha das incorporacións máis importantes do proxecto. Unha palabra, “proxecto”, na que o técnico quixo facer especial fincapé tendo en conta o compromiso do xogador co COB para as dúas próximas tempadas.

«Temos un presente moi bo, pero tamén unha perspectiva a medio e longo prazo aínda mellor», explicou Moncho, destacando a importancia de incorporar xogadores coas características de Marc para seguir facendo medrar ao club.

O adestrador confirmou tamén que o interese por Marc viña de lonxe. O club comezou a traballar na súa incorporación no mes de maio e, aínda que por momentos a operación parecía complicada, a planificación deportiva continuou tendo moi presentes as súas características á hora de construír o equipo.

Finalmente, as circunstancias permitiron pechar unha incorporación moi desexada polo corpo técnico e a dirección deportiva.

Moncho incidiu tamén na filosofía coa que se está construíndo o novo COB: un baloncesto moderno, sen posicións excesivamente pechadas, no que o importante sexa a capacidade de cada xogador para sumar e ofrecer diferentes solucións sobre a pista.


Fotografía.