WhatsApp Image 2026-08-17 at 22.33.13 (2)

O COB inicia a terceira fase da campaña de socios coas asociacións veciñais de Ourense

O club busca achegar o proxecto aos barrios da cidade e fomentar a participación na grada de animación do Pazo

O Club Ourense Baloncesto inicia a terceira fase da súa campaña de socios, unha etapa na que a entidade quere seguir achegando o club á sociedade ourensá e, especialmente, aos diferentes barrios da cidade.

Dentro desta nova fase, o COB comezou unha rolda de encontros coas asociacións veciñais de Ourense, co obxectivo de presentarlles unha proposta para que os seus asociados poidan incorporarse ao proxecto do club e participar activamente na grada de animación do Pazo durante os partidos desta tempada.

A primeira reunión mantívose coa Asociación de Veciños de Seixalbo, nun encontro que o club valora moi positivamente pola excelente acollida da proposta. Ambas as partes amosaron a súa satisfacción tras esta primeira toma de contacto e polo interese xerado de cara á próxima tempada.

O obxectivo é que o Pazo dos Deportes siga sendo unha festa cada xornada e que cada vez máis veciños e veciñas vivan os partidos do COB como unha experiencia para compartir con amigos, familiares e compañeiros, convertendo o baloncesto nun punto de encontro para toda a cidade.

Con esta iniciativa, o Club Ourense Baloncesto quere seguir construíndo unha afección cada vez máis participativa e próxima, facendo que todo Ourense forme parte do proxecto.

Fotografía.