O técnico do Club Ourense Baloncesto, Moncho López, valorou moi positivamente os primeiros adestramentos de Tom Slayman e Antíbek co equipo. Ambos os xogadores, que chegan tras competir coas súas seleccións, sorprenderon pola súa boa condición física, actitude e rápida adaptación ao traballo do grupo.
“O que máis me gusta é a dinámica persoal que traen e como se integraron tan rápido no grupo”, destacou o adestrador, que considera que as súas incorporacións supoñen “un estímulo e un impulso máis para seguir traballando ben”.
Sobre o encontro da Copa Galicia ante o Leyma Coruña, López cualificouno como “un adestramento de moito nivel” e recoñeceu que non é o partido ideal neste momento da pretempada, especialmente polas importantes baixas do equipo. Javier Nicolau, Mario García e Diego Seixas non serán da partida, polo que o COB afrontará o duelo con oito profesionais, Sergio Rodríguez e dous xogadores sub-18.
O obxectivo será competir coa máxima actitude, pero sen comprometer o proceso de crecemento do equipo. “Temos que facer as cousas o mellor posible, pero sen hipotecar nada do noso crecemento como equipo”, explicou López.
En canto aos xogadores lesionados, o técnico mostrouse optimista coa evolución de Javier Nicolau, que xa realizou algúns adestramentos co grupo e podería debutar no primeiro partido de liga ante Tizona, aínda que previsiblemente cunha limitación de minutos.
Pola súa banda, Marc García continúa recuperándose do golpe sufrido nun adestramento e espérase que a próxima semana poida reincorporarse ao grupo con normalidade.
No caso de Diogo Seixas, o servizo médico recomendou deter temporalmente a súa actividade para reducir unha inflamación no xeonllo. O corpo técnico opta así pola prudencia e por non asumir riscos innecesarios nun encontro de pretempada.