O Cloud.gal Ourense non puido sumar na súa visita a Bintaufa tras caer ante o Hestia Menorca nun encontro moi igualado que se decidiu nos últimos minutos. O equipo soubo reaccionar en varias ocasións e chegou con opcións reais ata o final, pero o maior acerto local nos momentos decisivos acabou inclinando o partido.
O inicio foi favorable ao conxunto menorquín, que arrancou cun 5-0 de saída antes de que Romaro Gill abrira a conta visitante. Isaac Vázquez asumiu protagonismo nos primeiros minutos, con puntos consecutivos que, xunto ás achegas de Gabe e Sean, permitiron ao Cloud.gal Ourense manterse no partido. Martin Fernández tamén apareceu con boas accións ofensivas, pero o Hestia Menorca pechou o primeiro cuarto cunha pequena vantaxe (22-16).

No segundo período chegou a reacción dos de Moncho López. Isaac abriu cun triple e Iglesias e Seixas seguiron recurtando diferenzas ata empatar o encontro (24-24). O conxunto local volveu estirar a renda, pero Okanu cun 2+1, Sean e un novo triple de Isaac mantiveron vivo ao equipo. Seixas e Rafa tamén sumaron para deixar o marcador nun axustado 41-37 ao descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o Cloud.gal Ourense mostrou a súa mellor versión. Gabe e Seixas abriron o camiño e Rafa, con acerto desde o perímetro, axudou a reducir a diferenza. Martin Fernández e Romaro fixeron dano preto do aro e o equipo conseguiu igualar o encontro cun 51-51 que deixaba todo aberto para os últimos dez minutos.

No derradeiro cuarto, o partido converteuse nun intercambio constante de golpes. Martin Fernández puxo por diante ao Cloud.gal Ourense cun 2+1 e Okanu ampliou desde o tiro libre, pero o Hestia Menorca respondeu para recuperar o mando. Rafa, Isaac, Sean e Romaro mantiveron ao equipo con opcións ata o final, chegando ao empate a 65 tras un triple importante de Sean. Nos últimos instantes, o conxunto local mostrou máis acerto e conseguiu pechar o partido, mentres Okanu recurtaba desde o tiro libre ata o definitivo 73-70.
Derrota nun encontro moi competido no que o Cloud.gal Ourense volveu demostrar carácter e capacidade de reacción, pero no que pequenos detalles acabaron impedindo traer a vitoria de Menorca.
Fotos: Moi Varela