WhatsApp Image 2026-07-22 at 13.50.11

O Club Ourense Baloncesto e Blendio-MG unen forzas para as próximas tempadas.

O Club Ourense Baloncesto presentou este mércores o seu novo acordo de patrocinio con Blendio-MG, que se converte no provedor oficial de vehículos do club para as próximas tempadas. O acto contou coa presenza de Marc, representante do Grupo Blendio, do presidente do COB, Diego González Regueira, e do adestrador do primeiro equipo, Moncho.

Desde o Grupo Blendio, Marc mostrou a súa satisfacción por iniciar esta nova etapa xunto ao Club Ourense Baloncesto, destacando que a alianza nace da identificación entre os valores da marca e os do club, ambos profundamente ligados á provincia de Ourense. “Estamos moi ilusionados por comezar este camiño. Somos un grupo novo na provincia, onde iniciamos a nosa actividade hai catro anos, e a marca MG leva connosco tres. Estamos orgullosos de apostar polo COB e de acompañalo, nun primeiro momento, durante as próximas tempadas”, sinalou.

Pola súa banda, o adestrador do primeiro equipo, Moncho, agradeceu a confianza depositada por Blendio-MG e definiu o acordo como “unha aposta intelixente” polo que representa o Club Ourense Baloncesto para a provincia. O técnico puxo en valor a capacidade do baloncesto para chegar a públicos de todas as idades e a importancia dunha entidade que reúne xeracións enteiras no Pazo dos Deportes.

“Falamos dun dos deportes con maior visibilidade a nivel mundial e dun club cun marcado carácter familiar e interxeracional. Esa proximidade fai que os afeccionados poidan coñecer de primeira man a marca, interesarse polos vehículos cos que se despraza o equipo e sentirse identificados con ela”, explicou. Moncho amosouse convencido de que o equipo representará os valores de MG dentro e fóra da pista: “Imos ter un equipo competitivo e dinámico, que simbolizará moi ben a marca que nos vai motorizar”.

O presidente do Club Ourense Baloncesto, Diego, quixo agradecer especialmente a confianza e a predisposición do Grupo Blendio durante todo o proceso. “Sabemos o esforzo que supón un acordo destas características e, pola experiencia doutros anos, valoramos especialmente a facilidade e a confianza coa que Blendio apostou polo noso proxecto”, afirmou.

Regueira destacou tamén a importancia de que empresas de referencia decidan confiar en Ourense e vincular a súa imaxe á do COB. “O club necesita empresas e marcas como Blendio e MG, compañías que apostan por establecerse na nosa provincia e que ven no Club Ourense Baloncesto un escaparate para seguir medrando. Agardamos que este acordo tamén anime a outras empresas a confiar no club como un aliado para impulsar a súa visibilidade e o seu crecemento”, sinalou.

Para rematar, o presidente asegurou que o equipo lucirá con orgullo os vehículos da marca ao longo da tempada e convidou tanto á afección como á cidadanía ourensá a coñecer de preto a oferta de Blendio-MG. “Nós levaremos os vosos coches con todo o agarimo do mundo e oxalá os nosos afeccionados e todos os ourensáns se acheguen ao concesionario ou ao Pazo para coñecelos. Estamos moi orgullosos deste acordo e convencidos de que será beneficioso para ambas as partes.”

Podes ver toda a rolda de prensa no seguinte enlace.

Fotografía.