O Club Ourense Baloncesto recibiu este martes a notificación oficial da Federación Española de Baloncesto (FEB), na que se confirma a súa inscrición na Primeira FEB para a tempada 2026/27.
Tras a revisión de toda a documentación presentada pola entidade e a comprobación, por parte da Comisión Delegada, do cumprimento dos requisitos establecidos no Regulamento Xeral e de Competicións, a FEB comunicou oficialmente que o Club Ourense Baloncesto queda inscrito na categoría para o vindeiro curso.
Con esta resolución culmina o proceso administrativo necesario para formalizar a presenza do COB na Primeira FEB, unha vez cumpridos todos os requisitos esixidos pola Federación.
Esta confirmación oficial permite ao club continuar coa planificación deportiva e institucional da tempada 2026/27, co obxectivo de afrontar unha nova tempada coa máxima ambición e ilusión.
Dende o Club Ourense Baloncesto queremos agradecer o esforzo e o compromiso de todas as persoas que fixeron posible este paso, así como o apoio constante dos nosos abonados, patrocinadores, institucións e afeccionados.