O Club Ourense Baloncesto presenta oficialmente a súa campaña de abonados para a tempada 2026/27, unha nova chamada á nosa afección para seguir medrando xuntos e continuar convertendo o Pazo dos Deportes Paco Paz nun dos grandes referentes do baloncesto nacional.
Baixo a premisa de que “cada partido será moito máis ca catro cuartos de baloncesto”, o COB dá un paso máis na súa conexión coa afección e reafirma a súa aposta por seguir facendo medrar unha masa social que continúa sendo o verdadeiro motor da entidade.
Desde o Consello de Administración insístese en que os socios son a parte máis importante do club, e por iso toda a campaña foi deseñada co obxectivo de que ninguén quede sen ser socio do COB por un motivo económico.
Unha das campañas máis accesibles da categoría
O Club Ourense Baloncesto manterá uns prezos moi competitivos, situándose novamente entre os abonos máis económicos da categoría, ademais de conservar importantes descontos para familias, mozos, desempregados, xubilados, clubs deportivos e pais de xogadores de canteira.
Ademais, o club ofrecerá facilidades de pago, permitindo fraccionar o abono en dous prazos:
- 50% no momento de realizar o abono
- 50% restante antes do inicio da competición ligueira
Como novidade destacada, todos os abonos realizados durante a Fase 1 e a Fase 2 incluirán de balde o Torneo As Burgas Basket Cup, con catro partidos, ademais de todos os encontros de fase regular e os amistosos que poidan disputarse en Ourense.
Tres fases para a campaña
A campaña desenvolverase en tres fases diferenciadas.
Fase 1 – Renovacións e palcos VIP
Do 26 de maio ao 12 de xuño
Dirixida exclusivamente aos socios da pasada tempada, que poderán renovar mantendo as súas condicións actuais.
PISTA
- Senior: 200 €
- Xove (15-25 anos): 200 €
- Infantil (5-14 anos): 200 €
- Preinfantil (2-5 anos): 200 €
GRADA
- Senior: 170 €
- Xove (15-25 anos): 85 €
- Infantil (5-14 anos): 45 €
- Preinfantil (2-5 anos): 20 €
Fase 2 – Novas altas / Socios non renovados / Grada de animación
Do 15 ao 30 de xuño
Dirixida a novos socios e tamén a aqueles abonados que non renovasen na primeira fase. Os prezos terán un incremento do 10% respecto á fase inicial.
PISTA
- Senior: 220 €
- Xove (15-25 anos): 220 €
- Infantil (5-14 anos): 220 €
- Preinfantil (2-5 anos): 220 €
GRADA
- Senior: 187 €
- Xove (15-25 anos): 94 €
- Infantil (5-14 anos): 50 €
- Preinfantil (2-5 anos): 22 €
Nesta fase chegará tamén unha das grandes novidades da tempada: a nova grada de animación, para a que o club xa constituíu un grupo de traballo co obxectivo de convertela nun dos grandes motores do ambiente no Pazo.
Antes do comezo desta fase celebrarase unha rolda de prensa específica na que se darán a coñecer todos os detalles.
Ademais, cómpre lembrar que os asentos da pasada tempada permanecerán reservados unicamente ata o final desta segunda fase.
Fase 3 – Novas altas e socios non renovados
Desde o 17 de agosto
Manterá os mesmos prezos da segunda fase, aínda que xa non incluirá o Torneo As Burgas Basket Cup.
Descontos e vantaxes
O club manterá todos os descontos aplicados durante a pasada campaña:
- 20% de desconto desde o segundo membro familiar
- 20% para clubs deportivos (non aplica en pista)
- 20% para xubilados e persoas con diversidade funcional (non aplica en pista)
- 30% para pais de xogadores de canteira (non aplica en pista)
- 30% para desempregados (non aplica en pista)
Os abonados sen desconto poderán tramitar o seu carné de maneira online.
As persoas que si se acollan a algún desconto deberán enviar ao club por correo electrónico a documentación acreditativa correspondente xunto co xustificante de pago.
A afección recibirá o seu carné en formato dixital mediante código QR ou poderá solicitar tamén un carné físico por un sobrecusto de 3 euros (excepto xubilados e persoas con diversidade funcional), unha medida que busca fomentar o uso do formato dixital e reducir o impacto ambiental.
O club quere seguir medrando
O Club Ourense Baloncesto seguirá traballando sen descanso para confeccionar o equipo máis competitivo posible, co obxectivo de que a afección desfrute ao máximo dunha tempada que promete ser moi especial.
A campaña terá unha forte presenza en toda a cidade durante os próximos meses, buscando superar o número de abonados da pasada tempada e consolidar a ilusión que se vive arredor do baloncesto en Ourense.
Desde o club faise tamén unha invitación especial a todas aquelas persoas que durante a pasada campaña acudiron ao Pazo, vibraron con vitorias inesquecibles ante equipos históricos como Obradoiro ou Estudiantes, gozaron dos espectáculos organizados polo club ou simplemente sentiron algo especial cada vez que cruzaron as portas do pavillón.
Porque o COB quere seguir sendo moito máis ca un equipo de baloncesto.
Quere seguir sendo un sentimento compartido por toda unha cidade. Un lugar no que reencontrarse, emocionarse e sentirse parte de algo especial cada fin de semana.
Esa é a Pertenza que o club quere seguir construíndo xunto á súa afección nesta nova tempada.
E unha vez máis, o Club Ourense Baloncesto promete deixarse todo dentro e fóra da pista para que cada noite no Pazo sexa única.