WhatsApp Image 2026-06-23 at 14.10.09

O COB agradece a implicación das entidades sociais e reforza a súa colaboración para futuras iniciativas

Representantes de máis de 20 asociacións e entidades sociais de Ourense e da súa provincia participaron nun encontro co Club Ourense Baloncesto (COB) para compartir experiencias, avaliar o traballo desenvolvido conxuntamente durante as últimas tempadas e sentar as bases de futuras iniciativas de carácter social.

Durante a reunión, as diferentes entidades puxeron en común o impacto que teñen as actividades impulsadas en colaboración co club entre as persoas usuarias dos seus centros e servizos. Entre elas destacan as visitas dos xogadores ás asociacións, centros educativos e colectivos participantes, a asistencia aos partidos do COB, as escolas e actividades de baloncesto, os talleres desenvolvidos en distintos ámbitos, o traballo realizado no centro penitenciario, as accións en centros de menores ou proxectos como a Liga Inclusiva, entre outras iniciativas que permiten achegar o deporte a colectivos moi diversos.

Segundo trasladaron as propias entidades, estas experiencias contribúen a fomentar a integración, fortalecer as relacións sociais, xerar novas oportunidades de participación e transmitir valores como o respecto, o compañeirismo, o esforzo e a superación persoal.

Dende o Club Ourense Baloncesto quixeron agradecer de maneira especial a implicación, a confianza e a colaboración de todas as asociacións participantes, destacando que o seu compromiso resulta imprescindible para desenvolver proxectos que chegan cada ano a centos de persoas da cidade e da provincia. O club puxo en valor o traballo diario que realizan estas entidades e a súa capacidade para mellorar a calidade de vida das persoas ás que acompañan.

Ao longo do encontro tamén se destacou a importancia da colaboración entre o ámbito deportivo, o tecido social e as institucións para seguir creando espazos de inclusión e participación a través do deporte. Neste sentido, o COB quixo agradecer o apoio da Deputación de Ourense, cuxa colaboración resulta fundamental para facer posible o desenvolvemento de moitas destas iniciativas.

Pola súa banda, representantes da institución provincial reafirmaron durante o encontro o seu compromiso de continuar apoiando os proxectos sociais impulsados polo club en colaboración coas entidades, recoñecendo o impacto positivo que teñen na sociedade ourensá e a súa contribución á promoción da inclusión e da igualdade de oportunidades.

A reunión permitiu facer balance do traballo realizado e analizar novas liñas de colaboración para as próximas tempadas, co obxectivo de seguir impulsando iniciativas sociais que empregan o deporte como ferramenta de inclusión e participación.

Fotografía.