Diego González Regueira, novo presidente do Club Ourense Baloncesto: continuidade e ambición

O COB iniciou hoxe unha nova etapa coa toma de posesión de Diego Glez. Regueira como presidente da entidade, nun acto celebrado no Pazo dos Deportes Paco Paz. Acompañado polo adestrador do primeiro equipo, Moncho López, o novo mandatario apelou á continuidade do traballo desenvolvido nos últimos anos, marcando ao mesmo tempo un horizonte claro: o ascenso á ACB no ano 2028.
Regueira, que formaba parte do anterior Consello de Administración e estivo implicado de maneira activa no crecemento institucional e deportivo do Club, asume agora a presidencia cunha visión de continuidade e reforzo. “O proxecto do COB non comeza hoxe, senón que segue a medrar con pasos firmes. Mantemos o rumbo, reforzamos a estrutura e sumamos ambición”, destacou.
Durante a rolda de prensa, insistiu na importancia de consolidar un modelo de club profesional, sustentable e conectado coa cidade e a súa afección. “Temos un reto compartido con toda a familia do COB: construír un equipo competitivo, cun rumbo definido e cunha meta que nos una a todos: o ascenso á Liga ACB en 2028”, apuntou.
Ademais, anunciáronse oficialmente dúas novas incorporacións ao plantel para a próxima tempada: o escolta Sergi Huguet, xogador con experiencia nas categorías FEB e presenza nas categorías inferiores da Selección Española, e o interior vigués Martín Iglesias, formado nas categorías do FC Barcelona. Dúas pezas estratéxicas no deseño dun equipo ambicioso, competitivo e ilusionante.
Con esta presentación, o COB renova o seu compromiso coa estabilidade, o crecemento e a ilusión, reforzando as bases dun proxecto que aspira a levar o baloncesto ourensán de volta á elite.
VOLTAREMOS, E TI XA ESTABAS
Podes ver a rolda de prensa completa a continuación