O COB e a Universidade de Vigo presentan o acordo da Área Social para a tempada 2025/26

03 de Diciembre del 2025
Comparte

O Club Ourense Baloncesto e a Universidade de Vigo presentaron este mércores, na Vicerreitoría do Campus de Ourense, o acordo de colaboración da Área Social do club para a tempada 2025/26, no que se deron a coñecer os proxectos sociais, educativos e inclusivos que se desenvolverán ao longo do curso.

A rolda de prensa contou coa presenza do Vicerreitor da Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo; do Asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Quique Álvarez; así como de Millán Brea, responsable da Área Social; de Moncho López, primeiro adestrador do equipo; e de Isabel Lemos, axudante técnica, en representación do Club Ourense Baloncesto.

Durante o acto púxose en valor o percorrido e consolidación da Área Social do COB, un proxecto asentado tras varios anos de traballo continuo que segue medrando tempada tras tempada grazas á implicación das institucións, das asociacións e da afección. Para esta nova campaña, o club reforzará accións vinculadas á inclusión, á educación en valores, á igualdade e á integración social a través do deporte.

O acordo coa Universidade de Vigo permitirá fortalecer a relación co ámbito universitario, impulsar novas iniciativas conxuntas de carácter formativo e social e seguir achegando o baloncesto como ferramenta educativa e de transformación social.

Desde o Club Ourense Baloncesto agradeceuse o apoio da Universidade de Vigo e da Deputación de Ourense, así como o compromiso das asociacións participantes, fundamentais para que a Área Social continúe a ser un dos piares do proxecto do club fóra das pistas.

Podes ver a rolda de prensa a continuación:

VOLVEREMOS, E TI XA ESTABAS

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar