WhatsApp Image 2026-07-08 at 14.06.42

O Club Ourense Baloncesto presenta o balance da tempada e marca os obxectivos para o curso 2026/27

O presidente do Club Ourense Baloncesto, Diego González Regueira, compareceu hoxe en rolda de prensa para facer balance da tempada 2025/26 e presentar as principais liñas de traballo da entidade para o vindeiro curso. Durante a súa intervención repasou a situación económica e deportiva do club, explicou a filosofía coa que se afrontará a tempada 2026/27, anunciou as datas da Burgas Basket Cup e trasladou os obxectivos que marcarán o futuro da entidade.

No apartado económico, Diego González Regueira explicou que o club pechou a tempada cun orzamento de 1.436.000 euros, financiado a través da administración pública, patrocinadores directos e indirectos e dos ingresos procedentes da billeteira e dos abonados. O presidente destacou o crecemento sostido experimentado en todas estas áreas, poñendo en valor especialmente a colaboración de numerosos patrocinadores que contribúen ao desenvolvemento do proxecto, entre eles empresas como Arrocería Gijón, Hyundai ou diversas entidades colaboradoras do ámbito deportivo.

Segundo sinalou, o balance económico do exercicio é positivo, un dato que considera motivo de satisfacción e que reflicte a evolución estable do proxecto. Con todo, lembrou que parte dos recursos obtidos durante a tempada se destinaron a facer fronte a débedas xeradas en exercicios anteriores, un paso importante para continuar consolidando a estabilidade económica da entidade.

No plano deportivo, o presidente recoñeceu que a tempada deixou un balance coñecido por todos e centrou o seu discurso no futuro. Para a campaña 2026/27, o obxectivo pasa por continuar medrando de maneira progresiva tanto no ámbito económico como no deportivo. Seguindo a liña dos últimos anos, explicou que o orzamento definitivo non quedará pechado ao inicio da tempada, senón que irá incrementándose conforme avance o curso grazas á incorporación de novos patrocinadores e colaboradores.

Diego González Regueira insistiu na vontade de situar ao COB entre os equipos con maior capacidade orzamentaria posible dentro das súas posibilidades, mantendo sempre unha visión realista da competición. A entidade afrontará unha nova tempada coa permanencia como principal obxectivo deportivo, sen renunciar á ambición que caracteriza o proxecto, pero sendo consciente da diferenza económica existente respecto aos clubs con maior potencial da categoría.

Outro dos aspectos destacados durante a comparecencia foi a importancia de seguir fortalecendo o apoio do tecido empresarial ourensán. O presidente asegurou que o Club Ourense Baloncesto quere consolidarse como unha plataforma de investimento e visibilidade para as empresas da provincia, reforzando os vínculos co tecido empresarial e convidando a novas compañías a formar parte do proxecto. Como exemplo desta confianza puxo a aposta realizada polo Grupo Blendio, que esta tempada incorpórase ao club a través da marca MG.

Así mesmo, explicou que a entidade continúa traballando coas administracións públicas para reforzar o apoio institucional e seguir impulsando iniciativas que beneficien o deporte na cidade.

Entre esas iniciativas destacou a organización de eventos que permitan achegar o baloncesto á sociedade. Tras o éxito do clínic celebrado a pasada semana, o club xa traballa na organización da Burgas Basket Cup, que terá lugar os días 16, 17, 18 e 19 de setembro. Ademais, confirmou que existen conversacións coa Xunta de Galicia para estudar a posibilidade de que o torneo poida contar co respaldo institucional dentro das actividades vinculadas ao Ano Xacobeo.

Durante a súa intervención, Diego González Regueira tamén quixo lanzar unha mensaxe de agradecemento e invitación a todas aquelas persoas e colectivos que colaboran coa entidade. Neste sentido, destacou o papel de iniciativas como A Voz do Pazo e reiterou que o Club Ourense Baloncesto mantén as portas abertas a todas as persoas e empresas que queiran contribuír ao crecemento do proxecto.

A masa social seguirá sendo outro dos piares fundamentais. O presidente sinalou que o obxectivo é continuar incrementando o número de abonados e converter cada partido nunha experiencia para gozar en familia ou con amizades, consolidando o Pazo dos Deportes Paco Paz como un punto de encontro para a afección ourensá.

Por último, Diego González Regueira reafirmou o compromiso do club coa canteira, considerada unha das bases do proxecto deportivo. A intención é seguir fortalecendo o traballo de formación para que a cidade se sinta orgullosa tanto do primeiro equipo como das súas categorías inferiores, convertendo ao Club Ourense Baloncesto nun referente do baloncesto en Ourense. Do mesmo xeito, amosou a firme aposta da entidade polo crecemento do baloncesto feminino, co desexo de que a próxima tempada supoña un novo paso adiante para o equipo e continúe impulsando o seu desenvolvemento.

Podes ver a rolda de prensa a continuación:

Photograph .