O Club Ourense Baloncesto incorpora ao seu proxecto a Sesan Russell, combo británico-nixeriano que achegará talento, versatilidade e capacidade de xeración ao xogo exterior do equipo para a vindeira tempada.
Russell chega a Ourense despois de completar unha destacada campaña nas filas do Amics Castelló, onde se converteu no máximo anotador do conxunto castelonense. Ao longo da tempada 2025-26 asinou uns promedios de 13,6 puntos, 3,1 asistencias, 2,9 rebotes e 1,5 roubos por encontro, cun notable 40,3 % de acerto no lanzamento de tres puntos e un 83,1 % desde a liña de tiros libres. Ademais, o seu 60 % de True Shooting reflicte a eficiencia coa que asumiu un papel protagonista no ataque do seu equipo.
Formado en Florida Tech (NCAA II), onde destacou como un dos mellores asistentes da súa conferencia, deu posteriormente o salto ao baloncesto europeo, confirmando a súa progresión na Primeira FEB. Trátase dun xogador capaz de desempeñarse tanto na dirección como nas posicións exteriores, grazas á súa habilidade para crear vantaxes desde o bote, a súa explosividade no primeiro paso e a súa capacidade para atacar o aro. A estas virtudes engade unha boa lectura do xogo, capacidade para xerar para os seus compañeiros e unha ameaza constante no lanzamento exterior.
No aspecto defensivo destaca pola súa intensidade, actividade de mans e capacidade para defender ambas posicións do perímetro, características ás que suma unha personalidade competitiva que lle permite asumir protagonismo nos momentos decisivos.
O adestrador do Club Ourense Baloncesto, Moncho, valorou moi positivamente a incorporación do novo xogador:
“A incorporación de Sesan Russell achéganos un perfil de xogador que considerabamos moi importante para a construción do cadro de persoal. Vén de completar unha moi boa tempada en Castelló, onde demostrou unha gran capacidade de adaptación ao baloncesto español e confirmou que pode ter un impacto importante nunha competición tan esixente como a Primeira FEB.
É un xogador moi versátil, con capacidade para actuar tanto de base como de escolta, o que nos ofrece diferentes posibilidades tácticas e nos dá flexibilidade para construír distintos quintetos segundo as necesidades de cada partido. Ten talento para xerar vantaxes no un contra un, é capaz de desequilibrar co balón nas mans e crear situacións favorables para o equipo.
Ademais, ten recursos para fabricarse os seus propios lanzamentos, síntese cómodo asumindo tiros importantes e responsabilidades en momentos de presión e, ao mesmo tempo, posúe a visión de xogo necesaria para crear oportunidades para os seus compañeiros cando as defensas se pechan sobre el. É un xogador que combina anotación e creación, algo que valoramos especialmente.
No aspecto defensivo tamén esperamos unha achega moi importante. O seu físico, a súa intensidade e a súa capacidade atlética permítenlle defender varias posicións exteriores cun alto nivel de agresividade, algo que encaixa perfectamente coa identidade que queremos que teña o noso equipo.
Sabemos que, pola configuración do cadro de persoal, en moitos momentos asumirá un papel de revulsivo saíndo desde o banco. Cremos que pode cambiar o ritmo dos partidos coa súa enerxía, a súa capacidade para romper defensas e a súa mentalidade competitiva. Pero, ao mesmo tempo, ten nivel, calidade e personalidade para ser titular cando o equipo o necesite e para asumir unha cota importante de protagonismo e xerarquía no noso xogo.
Estamos convencidos de que a súa competitividade, a súa ambición e a súa polivalencia axudaranos a ser un equipo máis dinámico, máis difícil de defender e con máis recursos, tanto ofensivos como defensivos, ao longo da tempada.”
Coa chegada de Sesan Russell, o Club Ourense Baloncesto incorpora un xogador contrastado na Primeira FEB, en plena madurez deportiva e cun perfil que combina dirección, anotación, capacidade para crear vantaxes e compromiso defensivo, reforzando así o perímetro do equipo para afrontar con garantías os retos da nova tempada.
Benvido ao COB, Sesan!