R renova o seu patrocinio co Club Ourense Baloncesto para a tempada 2021-2022
O operador galego revalida o seu respaldo ao deporte da comunidade e ao club ourensán que xoga na categoría LEB “Prata” do baloncesto español
- R patrocinará ao Club Ourense Baloncesto (COB) ata o peche da presente tempada, incluíndo partidos de play-off tras os encontros ordinarios da liga LEB ‘Prata’.
- Camilo Álvarez, Presidente do COB, manifestou que, “é un orgullo poder contar cunha compañía como R ao noso lado mantendo o seu apoio e compromiso co proxecto xa que, para nós, tras todos estes anos, xa son un membro máis da familia COBista.”
- Para Alfredo Ramos, Director de R, “é esencial seguir apoiando o deporte galego, e en R mantemos o noso compromiso co COB porque cremos neste grande equipo que tantas alegrías lle deu á súa afección dende hai máis de catro décadas”.
- A imaxe de marca de R incluirase na cartelaría, web, redes sociais e outros soportes do club, ademais de estar presente nos paneis dixitais das canchas en todos os partidos do COB na LEB ‘Prata’.
R volve patrocinar o Club Ourense Baloncesto, desta vez durante a tempada da categoría LEB ‘Prata’ 2021-22 do baloncesto español. O acordo que acaban de asinar a entidade deportiva ourensá e o operador de telecomunicacións galego inclúe todos os partidos da liga LEB “Prata” onde xoga o equipo e tamén os encontros eliminatorios (play-off) que sentencian os ascensos e descensos de categoría na competición de básquet.
O compromiso de R ao longo dos anos coas principais modalidades do deporte galego concrétase esta vez no respaldo ao Club Ourense Baloncesto. O operador galego renova a súa colaboración co COB para seguir dinamizando este deporte no territorio, avalar o traballo do club e axudalo a afrontar a presente tempada con ilusión e moitas ganas.
O Presidente do COB, Camilo Álvarez, incidiu en que ”co seu apoio, tentaremos cumprir o obxectivo principal desta tempada, que non é outro que regresar á LEB Ouro, para levar o club e unha marca como R ás cotas máis altas do baloncesto nacional.”
Alfredo Ramos destacou o traballo do club de baloncesto ourensán dende a súa fundación hai xa máis de 40 anos. O Director de R expresou a súa “satisfacción por esta oportunidade de aliarse, outra vez, cun equipo que pode aspirar de novo a situarse no máis alto do baloncesto español, como demostrou en numerosas ocasións durante a súa andaina (…) E, como sempre reitero cando acompañamos algún equipo da nosa terra -engadiu Ramos-, estamos co COB para traballar polos éxitos deportivos mais, especialmente, polos vinculados a valores que falan de deportividade, de compañeirismo e de esforzo compartido; eses que, sen dúbida, están a servir de referente á canteira ourensá deste club”.
En virtude do acordo asinado recentemente entre R e o COB, a imaxe de marca do operador galego, ademais de estar presente na web, redes sociais, cartelaría e outros soportes do club, coarase nos partidos do equipo, e o logo de R iluminarase nos paneis dixitais que habitualmente rodean as canchas de baloncesto.
Ademais, o convenio de patrocinio recolle que, antes do inicio dos partidos que o COB dispute durante a tempada 2021-2022, desenvolverase a acción “Os 5 de R”, consistente en comunicar en redes sociais quen serán os cinco titulares do partido antes do comezo do encontro. Un xeito definitivo de pór en escena ese camiño compartido que retoman outro ano máis o COB e o operador galego.