O Club Ourense Baloncesto presenta o seu primeiro equipo sénior feminino

01 de Agosto del 2025
Comparte

Este venres tivo lugar a rolda de prensa de presentación do primeiro equipo sénior feminino da historia do Club Ourense Baloncesto, un fito histórico para a entidade nos seus case 50 anos de traxectoria.

O acto celebrouse no pavillón da Universidade Laboral, escenario que será tamén a casa do equipo durante a tempada, xa que alí disputará os seus partidos como local.

As auténticas protagonistas foron as xogadoras, coas presenza de Noelia Carnero, Lara Domínguez, Sabela Menor e Patricia Pérez, catro das integrantes do novo equipo. Acompañounas o adestrador Millán Brea, quen liderará este ilusionante proxecto deportivo.

Tamén participaron na presentación o presidente do Club Ourense Baloncesto, Diego Regueira; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o xefe provincial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Jorge Rubén Sampedro, apoiando institucionalmente este importante paso para o club e para o deporte feminino ourensán.

Durante a rolda de prensa, puxéronse en valor o compromiso do club coa igualdade e a importancia de dar visibilidade ao talento feminino no ámbito deportivo. O equipo competirá na Segunda División Autonómica a partir da tempada 2025/26.

Nas próximas datas daranse a coñecer o resto das xogadoras que completarán o plantel, así como os detalles do corpo técnico que acompañará a Millán Brea nesta nova etapa.

Con esta iniciativa, o Club Ourense Baloncesto abre unha nova páxina na súa historia, reafirmando o seu compromiso co baloncesto feminino e co crecemento do deporte na nosa cidade.

Volveremos, e ti xa estabas

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando, consideramos que aceptas su uso. Ver política de Cookies.
Aceptar