COB vs Leyma Coruña_17

O Club Ourense Baloncesto abre a liga no Paco Paz ante o Tizona Burgos

Chegou o día. Despois de semanas de preparación, amistosos e traballo, o Club Ourense Baloncesto afronta mañá, ás 19:00 horas, no Paco Paz, o seu primeiro partido oficial da tempada ante o Grupo Ureta Tizona Burgos. Comeza a liga e faino na casa, diante da nosa xente e cunha primeira oportunidade para poñer en pista todo o traballo realizado durante esta pretempada.

O equipo chega a este estreo coa ambición de comezar a competición coa mellor versión posible e coa importancia que ten arrancar o curso cunha vitoria. En fronte estará un Tizona Burgos que, tal e como sinalaba Moncho López na previa, comparte co COB o obxectivo de loitar polas mesmas metas. O conxunto burgalés chega tamén con ambición a este inicio de competición e non llo porá nada fácil ao Club Ourense Baloncesto.

Un inicio de liga non se vive só sobre a pista. O Paco Paz volverá ser mañá o punto de encontro do baloncesto ourensán e a nosa afección terá un papel fundamental desde o primeiro minuto. O apoio da bancada será importante neste primeiro encontro, pero tamén ao longo dunha tempada na que cada xornada, cada momento e cada dificultade formarán parte dun camiño que queremos percorrer coa nosa xente.

Pero a festa do baloncesto non comeza co balón ao aire. Desde as 17:00 horas, a Fan Zone situada no exterior do pavillón será o punto de encontro para comezar a vivir a primeira xornada de liga. Música, comida, xogos, canastras e diferentes actividades acompañarán a previa do partido e permitirán que a estrea da tempada comece moito antes de que os protagonistas salten á pista.

Este inicio de competición traerá tamén unha novidade moi especial nas bancadas. O COB dá a benvida a Pementos Elétricos, a nova peña de animación do club, que se suma a Enchufad@s para facer medrar o ambiente no Paco Paz. Dúas peñas, unha mesma bancada e moitas ganas de que durante toda a tempada se escoite e se sinta o apoio ao equipo.

Esta tempada o club incorpora tamén a ludoteca para os máis pequenos durante os partidos, facilitando que as familias poidan gozar das xornadas no Pazo.

Mañá comeza a liga. Comeza unha nova tempada e o primeiro capítulo escríbese no Paco Paz, coa nosa xente, ante o Tizona Burgos e con moitas ganas de volver competir polo escudo.

Para aqueles que non poidan achegarse mañá ao Paco Paz, o encontro tamén poderá seguirse en directo a través de baloncestotv.com. Será necesario rexistrarse previamente, pero o acceso será gratuíto ata o 12 de outubro, polo que se poderán ver sen custo as tres primeiras xornadas da competición. A partir desa data será necesario contar cunha subscrición para ver os partidos.

Partido en directo: Club Ourense Baloncesto – Grupo Ureta Tizona Burgos en Baloncesto TV

Podes ver a rolda de prensa de Moncho López a continuación:

Photograph .